Monday 29 de April de 2024

A Xunta pide a colaboración da Escola Técnica Superior de Arquiectura da Universidade da Coruña para acadar o obxectivo de urbanismo responsable


A Xunta de Galicia pediu hoxe a colaboración da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña para seguir avanzando cara o obxectivo de acadar un urbanismo responsable durante unha xornada técnica na que participou a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

Durante a súa intervención, Rivas solicitou “a implicación do profesorado e alumnado” da Escola na definición do novo modelo territorial da Comunidade que estea baseado nunha planificación e ordenación sostible. E incidiu na importancia da formación e da concienciación dos futuros profesionais na importancia da conservación do noso patrimonio construído e dunhas novas intervencións respectuosas coa contorna.

De feito, a xornada celebrada hoxe na Coruña tivo como un dos seus eixes centrais a presentación por parte do director da Fundación RIA do proceso, conclusións da primeira fase e vindeiros pasos desa iniciativa que ten como obxectivo final o desenvolvemento de documentos estratéxicos de ordenación e planificación sostible adaptados ao contexto territorial galego.

A maiores, a directora xeral tamén agradeceu ao arquitecto David Chipperfield que trasladase ao alumnado a súa experiencia e a adaptación que sufriu a profesión nas últimas décadas para facer fronte aos cambios sociais, medioambientais e económicos.